EXPOSICIÓN PROXECTOS 2015

cartel-expo-castrelos-p,CASTRELOS
800 ANOS DE ARTE ROMÁNICA.
UNHA VISIÓN CONTEMPORÁNEA

A arte románica en Vigo ten data: 1216. É o ano da construción da igrexa de santa María de Castrelos, un dos exemplos mellor conservados do románico rural galego. No ano que andamos cúmprense, pois, os 800 deste monumento. Con este motivo, o profesorado e alumnado da Escola de Artes e Oficios de Vigo acordaron, a comezos do curso 2015-2016, adicar a esta efemérides a exposición do proxecto colectivo que pecha este ano académico.

Quíxose, con esta elección, facer un recoñecemento, unha conmemoración dende a contemporaneidade, desta arte; pero tamén un irmanamento: a Escola de Artes e Oficios de Vigo cumpre, neste 2016, cento trinta anos: complicidades de respectables centenarias institucións.

Referenciada nese precioso anaco da historia da arte que representa Castrelos, esta exposición é o resultado dunha visita consciente, necesaria e creativa ao noso pasado; a plasmación da visión que, dende este centro educativo que forma nos oficios artísticos, se proxecta sobre o espectador, chamándoo ao recoñecemento, á valoración do propio, a lér a historia dende o presente, a decatarse do fío que conduce á Artesanía e á Arte dende o pasado medieval ata a actualidade.

A Mostra -a partir da proposta temática feita polo profesorado en cadansúa aula, para ser exposta á fin do curso-, materializa esa visita e reflexión colectiva, esa visión admirada do noso alumnado a un elemento tan relevante do noso patrimonio cultural, coa conciencia de que a igrexa románica de Castrelos debe ser re-coñecida e valorada pola cidade. As obras que se exhiben concretan, así, materialmente, os principios de excelencia técnica e de creatividade que figuran como base do proxecto formativo da nosa Escola.

A dirección do alumnado e da montaxe de cada unha das obras expostas, correspondeu ao profesorado de cada especialidade participante, a partir dunha elección e deseño colectivo. Na exposición, producida integramente pola EMAO, participan con obra propia colectiva os obradoiros de Debuxo (profesor: Federico Fernández), Cerámica artística (profesor Miguel Vázquez), Serigrafía artística (profesora Alba Pardo), Pintura (profesora Paula Mariño), Talla e escultura en madeira (profesora Rosa García), Ourivaría (profesora Sandra de Jesús), Deseño e encaixe de Palillos (profesora Marian Núñez), Artesanía en Coiro (profesor Pepe Pereira), Luthería antiga (profesor Ramón R. Casal) e Construción de Gaita (profesor Carlos Corral).

Horarios apertura: de luns a venres (laborables) de 19:00 a 21:00 horas

Coordinación: Rafael Ojea
Produción e deseño: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) 2016
Montaxe: Mestras/es e alumnado da EMAO de Cerámica, Ourivaría, Pintura, Debuxo, Talla e escultura en madeira, Serigrafía, Artesanía en coiro, Deseño e encaixe de palillos, CAIM Luthería antiga, CAIM Gaita
Fotografía, audiovisual e asesoramento histórico/arqueolóxico: Francisco Javier Ocaña Eiroa
Axudante de montaxe: Alberto Couñago