ESPECIALIDADES

Serigrafía Artística

A especialidade

A nosa aula está no soto da escola, entre tintas, pantallas e raclas. Traballamos a serigrafía de forma artesanal e complementamos con diferentes técnicas de gravado para recoñecer, elixir e empregar axeitadamente os procesos, materiais e técnicas de estampación en base ao que se pretenda transmitir coa obra gráfica. Un dos obxectivos fundamentais é facelo analizando e interpretando criticamente as imaxes segundo as necesidades formuladas.

Programa formativo

Nos niveis Básico e Iniciación apréndese a controlar o proceso esencial da serigrafía:

– Preparación de orixinais e fotolitos; técnicas directas e indirectas
– Emulsionado
– Insolado; técnicas
– Revelado
– Rexistro; métodos
– Estampación sobre varios soportes (papel, téxtil, madeira…).

Tamén tomaremos contacto con diferentes métodos de debuxo, creación de imaxes e historia dos materiais e procedementos da obra gráfica.

Unha vez controlada a base, nos nniveis  Perfeccionamento e Superior traballamos procesos, materiais e tecnicas de gravado (linogravado, xilografía, punta seca, monotipos, gofrado, collagraph…). Realizamos diferentes métodos de rexistro e maquinaria e iremos engadindo técnicas para facer edicións de obra gráfica. Trataremos de escoller, analizar e documentar cunha actitude creativa e crítica as imaxes para definir un deseño personalizado empregando axeitadamente os materiais, as ferramentas e as técnicas.

Estrutura da formación e formas de acceso

ITINERARIOS
A especialidade de Serigrafía artística pode realizarse seguindo dous itinerarios: en horario de tarde ou en horario de mañá. Nos dous itinerarios a asistencia é obrigatoria, danse os mesmos contidos e séguese unha mesma metodoloxía. A distribución da carga horaria é diferente. Deste xeito:

— Horario de tarde (2 cursos, 700 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Básico (1o curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00h
Nivel Superior (2o Curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00 h

— Horario de maña (3 cursos, 432 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Iniciación (1o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10.00h a 14.00h)
Nivel Perfeccionamento I (2o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10.00h a 14.00h)
Nivel Perfeccionamento II (3o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10.00h a 14.00h)

Nivel Avanzado: pode optar o alumnado que supere o último curso da especialidade (ou aspirantes con coñecementos homologables). Requírese a presentación e aprobación dun proxecto persoal a realizar durante este nivel, dun curso de duración e cunha carga horaria de 70 horas obrigatorias, que se desenvolven, en réxime de titoría, os venres de 16.00h a 18.00h.

ACCESO do alumnado

En cada Convocatoria Xeral Anual, a EMAO concreta a súa oferta formativa, coas características, prazos e especificacións necesarias para o acceso do alumnado interesado, tendo sempre en conta a preferencia para as persoas empadroadas na cidade de Vigo.

Para a especialidade de Serigrafía artística, no suposto de que o número de solicitantes nestas especialidades sexa superior ao número de prazas ofertadas, farase unha proba de acceso. A proba de acceso consta dun cuestionario básico e unha proba práctica escrita, para a cal non se requiren coñecementos previos.

De xeito excepcional, as persoas interesadas (tanto de novo ingreso como xa matriculadas) poderán solicitar o acceso por convalidación dun nivel completo dunha especialidade. Para poder optar a esta posibilidade deberá o interesado presentar unha solicitude motivada na que amose que posúe os coñecementos, aptitude e experiencia abonda para saltar un nivel. Esta posibilidade está condicionada á existencia de vacantes no nivel que se solicite. A solicitude será resolta pola dirección do centro previo informe do mestre da especialidade e da xefatura de estudos. Se é o caso, poderá esixirse unha proba práctica previa.

Información do mestre da especialidade

Alba Pardo (alba.pardo@vigo.org)

Son Alba Pardo, mestra de taller de Serigrafía Artística da EMAO. De pequena sempre andaba debuxando e manchada de pintura, así que o lóxico era que rematase facendo Belas Artes na Universidade de Vigo e na School of Fine Art de Kingston, Londres. Tamén fixen o CAP na Universidade de Vigo e o curso de especialización en Artes Gráficas e Serigrafía pola UNED. Tras varias exposicións individuais e colectivas gañei o 1º premio de pintura Antonio Quesada para novos valores da plástica galega e traballo no departamento didáctico de varios museos e institucións artísticas e como profesora de Educación Plástica e Visual na área de Debuxo para a Consellería de Educación, Xunta de Galicia. Dende o 2012 ata a actualidade sigo coas mans manchadas de tinta e ando mergullada en técnicas, materiais e procesos do gravado e da impresión nunha profesión apaixonante como mestra do taller de serigrafía artística da Emao.