A última travesía de Domingo Villar [OUTRAS NOVAS]

Unha enorme onda de tristeza percorre
as estancias desta vella Escola… 

Biblioteca García Barbón. 14-2-2019

                                                 

Domingo Villar, o precursor do chamado noir vigués, autor de Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco,
deixounos prematuramente.
Impactados pola noticia, cústanos asimilar que unha persoa nova, chea de
vida e de talento foise das nosas vidas dunha forma tan brusca. 

Recordamos con agarimo as súas visitas á nosa Escola para documentarse durante o proceso de xestación que rematou na publicación do último barco. A espera fíxosenos longa, pero como comentou nalgunha ocasión o propio autor: O oficio literario está moi afastado dos lóstregos de creatividade e ten
moito máis que ver con dubidar, con suscitarse preguntas, con intentar
respondelas e con ir puíndo as historias aos poucos. Levou o tempo que
levou.”

Temos que agradecer a Domingo que convertese esta Escola nun dos
escenarios principais da súa novela, tamén a algúns dos nosos profesores
en personaxes da trama como o mestre de cerámica, Miguel, ou os luthieres,
Carlos, Xaime e Ramón.
Recibimos este libro como un recoñecemento ao labor centenario desta
institución. Como dicía o propio Domingo Villar nunha entrevista: “Todo vai tan rápido que nos esquecemos que hai cousas que se fan amodo e
que necesitan calma e reflexión para poder facerse. É o caso dos
ceramistas e de todos os mestres artesáns que traballan na Escola de
Artes e Oficios.”

Lembramos emocionados a presentación do seu libro no noso salón de actos
que quedo pequeno para recibir a tantos lectores que esperaban
impacientes pola súa última novela. Con todo, Domingo, paciente e amable atendeu a
todos con exquisita cortesía.

Pouco tempo despois volveu acompañado da súa nai e visitou a exposición histórica “A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na
Historia de Vigo”.

E o que son as cousas, a pesar do calado labor diario que desenvolve
todo o equipo que traballa nesta Escola, foi a súa novela a que fixo
volver a mirada de moitos vigueses cara a ela. Foron moitas as
persoas que de calquera lugar da península solicitaban unha visita
guiada ou aparecían de súpeto por algún dos seus corredores, abraiados
pola existencia real dun espazo dedicado ao fomento das artes e os
oficios artísticos. Converteuse a moita honra, nun dos
escenarios do roteiro literario de Domingo Villar, que na súa opinión: “É un dos lugares dos que os vigueses deberiamos estar máis orgullosos e, con todo, para a maioría non é máis que un edificio silencioso. Sinto que a miña obrigación ao escribir é tamén facer de altofalante e lembrar que temos na cidade unha xoia como esta”  

Conmovidos pola súa inesperada perda, permanecerá na nosa memoria non
só polos seus méritos literarios senón como o home bo, sinxelo e afable
que foi.

Enviamos desde aquí todo o noso afecto á súa familia e amizades. 

Que a terra che sexa leve!