ESPECIALIDADES

Ourivaría

A especialidade

A Ourivaría é unha actividade artística que emprega como materiais de construción os metais preciosos, pero tamén outros metais base e outros materiais como xemas, esmaltes, plásticos, madeira, tecidos, etc. aplicando no proceso creativo diversas técnicas e procedementos metalúrxicos e creativo-artísticos.

Historicamente a arte da ourivaría data dos inicios dos primeiros asentamentos humanos alá pola prehistoria; os primeiros adornos de metal foron feitos con ouro batido que atopaban en forma de pebidas. O desenvolvemento desta arte foi unido ao dominio do lume e a tecnoloxía da cerámica, pois cocendo as arxilas déronse conta de que os minerais metálicos que estas contiñan podían fundirse e transformarse. O traballo cos distintos metais, preciosos ou non, foi de tal importancia que forma parte da evolución humana; tanto é así que a fase final da prehistoria divídese en tres períodos: idade de cobre, idade de bronce e idade de ferro. Nestes primeiros 6.000 anos de historia inventáronse as técnicas e procedementos metalúrxicos que seguimos aplicando hoxe en día.

Programa formativo

O obxectivo xeral da especialidade de ourivaría é capacitar ao alumnado coa formación necesaria para que poidan deseñar e construír as súas propias pezas de ourivaría aplicando as múltiples técnicas e procedementos que esta arte require.

A aprendizaxe adquírese a través da práctica artística e construtiva, realizando unha serie de exercicios obrigatorios a través dos cales apréndense e aplícanse as técnicas e procedementos. Estes exercicios van acompañados de explicacións teórico-prácticas das técnicas a realizar, e marcan uns requisitos construtivos que hai que cumprir, dando liberdade no deseño para que o alumno desenvolva un estilo propio, fomentando así a creatividade e a autonomía.

De acordo co Plan de Estudos PEMAO15 os contidos de toda a especialidade poden dividirse en dous bloques: o Bloque I, que se corresponde cos contidos que se dan no nivel Básico, e o Bloque II, que se aplica ao nivel Superior; no caso do curso en horario de mañá estes contidos adáptanse á súa carga horaria.

Bloque I.
– Coñecemento do obradoiro.
– Metalurxia, fundición e tecnoloxía.
– Deseño.
– Técnicas básicas.
– Tratamento de superficies.
– Sistemas de articulacións e peches.
– Incorporación doutros materiais.

Bloque II. 
Neste nivel amplíanse as técnicas anteriores e incorpóranse outras de maior complexidade:
– Técnicas de ornamentación.
– Engaste.
– Gravado.
– Esmalte ao lume.
– Técnicas de combinación de metais.
– Fundición creativa.
– Microfusión.

A programación adáptase ao desenvolvemento do curso, podendo variar os exercicios dun ano para outro, sempre para mellorar a aprendizaxe e tamén para dar cabida ás pezas que se realizan para a exposición temática de cada curso.

A aprendizaxe adquírese a través da práctica artística e construtiva, realizando unha serie de exercicios obrigatorios a través dos cales apréndense e aplícanse as técnicas e procedementos. Estes exercicios van acompañados de explicacións teórico-prácticas das técnicas a realizar, e marcan uns requisitos construtivos que hai que cumprir, dando liberdade no deseño para que o alumno desenvolva un estilo propio, fomentando así a creatividade e a autonomía.

De acordo co Plan de Estudos PEMAO15 os contidos de toda a especialidade poden dividirse en dous bloques: o Bloque I, que se corresponde cos contidos que se dan no nivel Básico, e o Bloque II, que se aplica ao nivel Superior; no caso do curso en horario de mañá estes contidos adáptanse á súa carga horaria.

Estrutura da formación e formas de acceso

ITINERARIOS
A especialidade de Ourivaría pode realizarse seguindo dous itinerarios: en horario de tarde ou en horario de mañá. Nos dous itinerarios a asistencia é obrigatoria, danse os mesmos contidos e séguese unha mesma metodoloxía. A distribución da carga horaria é diferente. Deste xeito:

— Horario de tarde (2 cursos, 700 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Básico (1o curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00h
Nivel Superior (2º Curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00 h

— Horario de maña (3 cursos, 432 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Iniciación (1o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)
Nivel Perfeccionamento I (2o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)
Nivel Perfeccionamento II (3o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)

Nivel Avanzado: pode optar o alumnado que supere o último curso da especialidade (ou aspirantes con coñecementos homologables). Requírese a presentación e aprobación dun proxecto persoal a realizar durante este nivel, dun curso de duración e cunha carga horaria de 70 horas obrigatorias, que se desenvolven, en réxime de titoría, os venres de 16.00h a 18.00h.

ACCESO do alumnado

En cada Convocatoria Xeral Anual, a EMAO concreta a súa oferta formativa, coas características, prazos e especificacións necesarias para o acceso do alumnado interesado, tendo sempre en conta a preferencia para as persoas empadroadas na cidade de Vigo.

Para a especialidade de Ourivaría, no suposto de que o número de solicitantes nestes niveis sexa superior ao número de prazas ofertadas, farase unha proba de acceso. A proba de acceso consta dun cuestionario básico e unha proba práctica escrita, para a cal non se requiren coñecementos previos.

De xeito excepcional, as persoas interesadas (tanto de novo ingreso como xa matriculadas) poderán solicitar o acceso por Convalidación dun nivel completo dunha especialidade. Para poder optar a esta posibilidade deberá o interesado presentar unha solicitude motivada na que amose que posúe os coñecementos, aptitude e experiencia abonda para saltar un nivel. Esta posibilidade está condicionada á existencia de vacantes no nivel que se solicite. A solicitude será resolta pola dirección do Centro previo informe do mestre da especialidade e da xefatura de estudos. Se é o caso, poderá esixirse unha proba práctica previa.

Información do mestre da especialidade

Sandra de Jesus (sandra.dejesus@vigo.org)

O meu nome é Sandra de Jesus, e sempre estiven ligada ao mundo artístico; meu avó foi soprador de vidro e meu pai tallador de cristal, na casa sempre había debuxos e bosquexos e de cativa levaba comigo os meus cadernos, lapis e pinturas a todas partes para debuxar e pintar, así que na adolescencia tiven claro que quería estudar Belas Artes. 

A miña chegada a este marabilloso oficio foi un pouco de casualidade; ao rematar os estudos de Belas Artes marchei a Santiago de Compostela para facer o CAP (Curso de Aptitude Pedagóxica) e, como este curso non duraba o ano completo, matriculeime no Mestre Mateo coa intención de facer algo distinto ao que tiña feito, e así foi como escollín a Xoiaría Artística.

Facendo o ciclo tiven a sorte de ir de prácticas a un taller de Santiago antes de rematar o segundo curso, e cando finalicei a miña formación continuei no mesmo taller aprendendo realmente este oficio. Podo dicir que dende que comecei estudar xoiaría tiven sempre unha formación continua, pois un oficio non se aprende en dous anos. Traballei para outros e tamén de maneira autónoma na miña propia empresa, e nese tempo realicei múltiples e diversos cursos. No curso 2015-2016 incorporeime como mestra da especialidade de Ourivaría na EMAO, e dende aquela intento que esta especialidade sexa máis completa e que o alumnado aprenda máis e mellor.