
Na abstracción xeométrica, orientada segundo o cálculo, o rigor e a norma, priman o obxectivo e os valores universais, cunha planificación da obra sobre principios racionais, previos á creación, mentres que os elementos visuais carecen de expresividade debido ao emprego de elementos neutrais, xeralmente xométricos, de factura un tanto impersoal, onde impera a claridade, a precisión e a obxectividade, en composicóns sistemáticas e moi estruturadas.
Na abstracción expresiva, que fai a súa andaina polo camiño da expresión inmediata, espontánea e directa, as obras están abocadas a un certo “desorde”, mais esta desorde non é real, pois prima a composición, sempre necesaria, aínda que a obra sexa subxectiva e expontánea, a partir de métodos de creación impulsivos e improvisados. Por este motivo estas obras revelan unha grande expresividade, e a capacidade expansiva e expresiva dos materiais é fundamental. Estas composicións asistemáticas e aparentemente faltas de estrutura, que apuntan á ambigüidade e á suxestividade, levan unha racionalide que se basea na pulsión controlada, no imperio dos sentimentos que na arte contemporánea está moi presente.>Así, algunhas das pezas presentes nesta mostra fan que exista un entendemento común, pois parten dunha base xeométrica e racional, para abrirse, fuxindo dun sistema pechado e impositivo, ao pulo momentáneo e impensado de quen fai arte nun momento dado. De aí a singularidade desta mostra que amosa o traballo do alumnado que presenta tanto obras xeométricas e abstractas, como pezas que pendulan tamén nesa oscilación entre esa mirada ecléctica e o xogo que se realiza ante quen mira estas pezas que tras a dilución dos xéneros a finais do século XX, encaran este novo século con liberdade e paixón, fóra de todas as normas.
De feito, a peza de maior tamaño da mostra, parte dun xogo: a pintura automática, que desenvolve as formas e cores desde a expresión en pezas pequenas e bocetos, para rematar nunha obra de carácter marcadamente xeométrico, pero que contén na súa execución o paradigma da expresividade e dunha cor, liberada en certo modo da forma.
Algunhas das pezas desta mostra, realizadas en acrílico, óleo e pastel, xogan tamén co concepto de orixinalidade e autoría, pois as pezas libres de toda atadura funcionan como elemento lexitimador do obxecto en tanto que artístico e non como creación dun obxecto relacionado co manual, e racha co concepto e o presuposto de intervención física do suxeito na produción como base da constitución da noción de autoría, exercendo así un rol de autoridade intelectual e subordinando o procesual ao proceso mental que se afasta de modas e abrangue a liberdade total.