Durante os proximos meses iremos subindo ao Blog os catálogos das exposicións que faltan, ata poñernos ao día.
Hoxe queremos anunciarvos a recente publicación dos catálogos de tres desas exposicións pendentes:
A Escola Municipal de Artes e Oficios, cunha longa tradición nas ensinanzas artesáns en Coiro, achega ao público con esta mostra as posibilidades, a estética e a funcionalidade do traballo neste material. Dáse así a coñecer a actividade do obradoiro de Artesanía en Coiro, como vén facendo dende 2013 ao programar cada dous anos unha exposición con tal motivo.
Con Curtidas queremos facer un recoñecemento público a todas aquelas mulleres que ao longo da historia se adicaron ao traballo do coiro nalgunha das súas vertentes: profesional, afeccionada ou artística; unha paixón por unha actividade case sempre compartida coas responsabilidades das súas vidas como nais, traballadoras, mulleres. A historia da nosa Escola serve, neste senso, de mostra: dende finais dos anos corenta a especialidade de Repuxado en Coiro, que pertencía á ponla de Enseñanzas para la Mujer, foi impartida por tres mulleres: Andrea Castro, Mercedes Pérez e Virginia García, que co seu traballo docente sementaron o que hoxe é a artesanía do coiro na nosa contorna.
Quérese con esta exposición monográfica, amosar os traballos de maior calidade realizados dentro do Obradoiro de Deseño e encaixe de palillos da Escola de Artes e Oficios de Vigo na última década. Con esta mostra transmítense as posibilidades e a realidade desta artesanía tendo de base, pero indo máis alá, as técnicas, materiais, usos e estética tradicional, facéndoa dialogar e implicarse nunha lingoaxe contemporánea e vinculándoa ao mundo da creatividade.
Supón tamén unha reflexión práctica sobre a capacidade das mulleres de saírense de patróns tradicionais “femininos” que se asocian a esta artesanía (moda, decoración e fogar) e adoptar con notable excelencia técnica e creatividade propostas e discursos contemporáneos.
O contido da exposición son as obras artesanas e artísticas realizadas por alumnas egresadas da EMAO na última década coa certificación de estudos de Deseño e encaixe de Palillos da EMAO. Realizadas como proxectos de fin de estudos baixo a dirección de Marian Núñez –mestra desta disciplina na EMAO-, utilizando distintos materiais, técnicas, formas, funcionalidades e estéticas tradicionais e contemporáneas.
Neste ano 2023, Ano de Picasso polo cincuentenario do seu falecemento, estanse a facer multitude de
actividades de toda índole na súa memoria, pola súa pegada. Na EMAO -non iamos ser menos- arredor da súa figura agromaron neste curso os proxectos creativos e retos técnicos que agora se amosan. Trátase, novamente, da coidada exposición de produtos creativos, desenvolvidos coa participación do alumnado a partir dunha iniciativa individual ou colectiva, pero, en todo caso, sempre asumida polo grupo.
Arredor de Picasso. Olladas desde a EMAO representa, pois, o impacto da inspiración que a obra do malagueño universal ten nas diferentes especialidades da EMAO, recollendo os traballos especificamente
realizados polo alumnado e profesorado da escola en conmemoración do 50 aniversario do seu pasamento, uníndose, deste xeito, aos actos e actividades que durante este ano se están a desenvolver por todo o
mundo.