Departamento de Música Tradicional da EMAO
O Departamento de Música Tradicional da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) ten a súa orixe na década de 1980, no contexto da Universidade Popular, coa creación do Obradoiro de Instrumentos Musicais Populares Galegos, impulsado polo mestre Antón Corral. Este obradoiro non só se centraba na construción de instrumentos, senón tamén na súa divulgación e ensino, dando lugar a proxectos fundamentais como o Grupo Didáctico ou a banda de gaitas Xarabal, nun momento clave para a renovación da música de tradición oral en Galicia.
Co tempo, xurdiu a necesidade de complementar esta actividade cun espazo dedicado á docencia da práctica instrumental, concretándose así na creación dun conservatorio de música tradicional baixo a dirección de Rodrigo Romaní. Xa no século XXI, a Universidade Popular convértese na EMAO, e o obradoiro evoluciona na especialidade de Construción Artesá de Instrumentos Musicais (CAIM), mentres que o conservatorio se transforma no actual Departamento de Música Tradicional.
No ano 2008, nace a ETRAD como entidade educativa autónoma dependente do Departamento, cun enfoque comunitario e non regrado, promovendo o acceso universal á música e unha formación integral orientada ás saídas profesionais. Desde o seu seo xurdiron proxectos pioneiros como a Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu ou a rede europea de orquestras folk ENFO .
Na actualidade, o Departamento de Música Tradicional coordina a actividade docente e formativa de CAIM e ETRAD, mantendo viva a aposta pola música tradicional como ferramenta de creación, transmisión e innovación cultural. A oferta formativa e os procedementos para o acceso á E-TRAD poden consultarse na web www.etradvigo.org.
Begoña Riobó (begona.riobo@vigo.org)
Son a técnica do departamento de música tradicional da EMAO. Son licenciada en Historia da Arte, e titulada profesional de violín.
Estudei violín clásico con Natalia Zoltan, Armando Toledo e Serguei Maximov, arpa céltica con Rodrigo Romaní, zanfona con Anxo Pintos, violín folk con Alfonso Franco, Darol Anger, Cassey Driessen… entre outros.
A miña relación coa música tradicional comeza dende ben pequena, ligada a agrupacións de baile tradicional que xurdiron no Vigo dos anos 80. Esta base serviume para facer as miñas primeiras achegas ao folk, en grupos como Irtio (o premio no concurso de música folk “Xacobeo 99″). No ano 2000 entro a formar parte da banda de Carlos Núñez. Esta experiencia lévame, durante sete anos, a percorrer escenarios de todo o mundo e a colaborar con primeiras figuras do folk internacional (The Chieftains, Dan Ar Braz, Sharon Shanon, Noa, Solas…) e a gravar catro traballos discográficos, un deles “Carlos Nuñez e Amigos” (Sony 2004), Premio da música ao mellor disco de música tradicional no 2005.
Formo parte da sección de violín da Orquestra Folk de Galicia “SonDeSeu”, sección que coordino dende o ano 2019, gravando nos seus cinco traballos discográficos, e salientando a miña participación como violín solista na suite San Martiño, do disco “Beiralúa”.
Fun colaboradora habitual nos directos do trío “Lizgairo”, e dos gaiteiros Anxo Lorenzo, Susana Seivane e Xose Manuel Budiño, entre outros.
Ata 2017 liderei a miña propia formación, “Riobó”. Nomeada aos Premios Opinión en 2012 e 2016, coa que teño editada dous traballos discográficos, “Riobó” (Zouma 2011) e “Quiral” (Sul 2015).
Imparto cursos vinculados co ensino do violín no eido da música tradicional como o Barcelona Fiddle Congress, Fescat en Girona, “Crisol de Cuerda” en Burgos (dirixido por Alasdair Fraser e Natalie Haas), “Skye Trad Strings” na illa de Skye en Escocia, ou “Valley of the Moon” en California (EE.UU), Fiddlers on the move en Gante (Bélxica), Tradiwapi en Tournée (Bélxica), San Simón Fiddle, e o campamento de verán organizado pola asociación Galicia Fiddle en todas as súas edicións.
No ano 2009 paso a formar parte do profesorado da escola municipal de música folk e tradicional do concello de Vigo, E-Trad, dando aulas de arpa céltica, Etnomusicoloxía e Conxunto Instrumental.
Na actualidade a miña actividade artística está centrada no dúo, formado no 2019, xunto con Anxo Pintos, Pärbo.