ESPECIALIDADES

Deseño e Encaixe de Palillos

A especialidade

Que é o que podedes aprender realizando a especialidade de Deseño e encaixe de palillos na EMAO? Dende a EMAO queremos dar unha visión distinta da que todos podemos ter na cabeza do que é facer encaixe de palillos, xa que o deseño e a creatividade son o noso punto de distinción como obradoiro artistico.

Segundo a RAE, esta é a definición de encaixe: 5. m. Tecido de mallas, lazadas ou calados, con flores, figuras ou outros labores, que se fai con palillos, agulla de coser ou de gancho, etc., ou ben á máquina. 1. m. Tarefa difícil e delicada.

Segundo a Wikipedia, esta é a definición de encaixe: O encaixe de palillos é unha técnica de encaixe téxtil que consiste en entretecer fíos que inicialmente están enrolados en bobinas, chamadas palillos, para manexalos mellor. A medida que progresa o traballo, o tecido suxéitase mediante alfinetes cravados nunha almofada, que se chama “mundo”. O lugar dos alfinetes normalmente vén determinado por un padrón de buraquiños en almofada, tamén coñecido como “picado”.

O encaixe de palillos pódese realizar con fíos finos ou grosos. Tradicionalmente facíase con liño, seda, la e posteriormente con algodón. Tamén con fíos de metais preciosos. Hoxe en día tamén se realiza cunha gran variedade de fibras sintéticas, con arames ou outras fiaturas. Entre os elementos de deseño que se poden realizar hai tecidos (tea), redes, cordóns, puntillas, cadros e recheos, aínda que non todos os tipos de encaixe de palillos inclúen todos eses elementos.

Definicións quizais que no século XXI quedan ambiguas e quizais hoxe en día faltas de sentido, xa que dende a nosa especialidade mostramos unha idea de renovación que así se reflicte no plan de estudos de 2015, da propia escola.

Dende a escola queremos facer fácil e divertida a aprendizaxe dunha especialidade que, sendo unha das especialidades máis antigas da escola (incluíuse por primeira vez no plan de estudos alá polo ano 1915), é unha gran descoñecida. Hoxe queremos achegarvos mostras desde o propio traballo do alumnado. Din que unha imaxe vale máis que 1.000 palabras; todos os proxectos que se mostran nas imaxes desta presentación, son traballos realizados na nosa aula.

Programa formativo

Os nosos 4 piares de metodoloxía:

Coñecer o deseño especifico para téxtil (encaixe de palillos) e o porqué dos obxectos.
– Coñecer a técnica especifica (encaixe de palillos).
Entender a historia do encaixe, o porqué de antes, e o porqué no século XXI.
– Desenvolver un traballo/proxecto co aprendido.

Dende a aula levamos a cabo un labor de investigación sobre o téxtil e como o entendemos no século XXI. Somos unha especialidade moi completa que quere que o alumnado comprenda que o noso traballo é artístico e que a nosa ferramenta de traballo é unha técnica determinada, neste caso o encaixe de palillos. 

Dende pezas bidimensionais (cadros) a pezas tridimensionais (esculturas), o fío é a ferramenta que nos leva cara á peza única pictórica, escultórica ou movemento, como foi o proxecto dun zootropo, ou as instalacións, e a técnica do encaixe de palillos é o noso medio para conseguir todo isto.

A creatividade e a calidade, son o noso lema. O noso obxectivo para co alumnado é o seguinte: Crear e desenvolver deseños propios de forma artística de xeito bidimensional e tridimensional, empregando distintas técnicas do encaixe de palillos, combinando as distintas técnicas e transmitindo a idea emocional. Xestionalo e expoñelo como medio de promoción da obra propia.


Como dividimos a nosa aprendizaxe? Comprender, deseñar e proxectar:

– Coñecer o obradoiro/ O obradoiro, a almofada, a ferramenta: bolillos, consumíbeis, seguridade e hixiene, mantemento, etc.
– Fiaturas/ O natural, o sintetico, fíos metálicos, fíos plásticos, etc.
– Deseño e visión artística/ Concepto e utilidades do deseño en xeral. Debuxo aplicado, elaboración de padróns e deseños aplicados á técnica téxtil do encaixe.
– Técnicas básicas/ Deseños tradicionais, puntos básicos, deseños sinxelos.
– Técnicas perfecionamento/ Deseños de propia autoría, puntos complexos, cruces…
– Tratamentos do tecido e fiaturas/ Os tintes, os endurecementos, os lavados, conservación…
– Sistemas de pegado a unha tea/ Bordado, macramé, vainicas…
– Incorporación doutros materiais ao fio/ Plástico, perlas, cristais, pedras preciosas

Se todo isto vos anima, dádelle unha volta ás vosas ideas e vinde pola nosa aula de Deseño e encaixe de palillos, onde falamos do uso da ferramenta do fío e a técnica do encaixe para realizar obras artísticas, e que esperamos que vos guste tanto como a nós.

Estrutura da formación e formas de acceso

ITINERARIOS
A especialidade de Deseño e encaixe de palillos pode realizarse seguindo dous itinerarios: en horario de tarde ou en horario de mañá. Nos dous itinerarios a asistencia é obrigatoria, danse os mesmos contidos e séguese unha mesma metodoloxía. A distribución da carga horaria é diferente. Deste xeito:

— Horario de tarde (2 cursos, 700 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Básico (1o curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00h
Nivel Superior (2o Curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00h

— Horario de maña (3 cursos, 432 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Iniciación (1o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)
Nivel Perfeccionamento I (2o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)
Nivel Perfeccionamento II (3o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)

Nivel Avanzado: pode optar o alumnado que supere o último curso da especialidade (ou aspirantes con coñecementos homologables). Requírese a presentación e aprobación dun proxecto persoal a realizar durante este nivel, dun curso de duración e cunha carga horaria de 70 horas obrigatorias, que se desenvolven, en réxime de titoría, os venres de 16.00h a 18.00h.

ACCESO do alumnado
En cada Convocatoria Xeral Anual, a EMAO concreta a súa oferta formativa, coas características, prazos e especificacións necesarias para o acceso do alumnado interesado, tendo sempre en conta a preferencia para as persoas empadroadas na cidade de Vigo.

Para a especialidade de Deseño e encaixe de palillos, no suposto de que o número de solicitantes nestas especialidades sexa superior ao número de prazas ofertadas, farase unha proba de acceso. A proba de acceso consta dun cuestionario básico e unha proba práctica escrita, para a cal non se requiren coñecementos previos.

De xeito excepcional, as persoas interesadas (tanto de novo ingreso como xa matriculadas) poderán solicitar o acceso por Convalidación dun nivel completo dunha especialidade. Para poder optar a esta posibilidade deberá o interesado presentar unha solicitude motivada na que amose que posúe os coñecementos, aptitude e experiencia abonda para saltar un nivel. Esta posibilidade está condicionada á existencia de vacantes no nivel que se solicite. A solicitude será resolta pola dirección do Centro previo informe do mestre da especialidade e da xefatura de estudos. Se é o caso, poderá esixirse unha proba práctica previa.

Información do mestre da especialidade

Marian Núñez (marian.nunez@vigo.org)

Son Marian Núñez Rodríguez, creadora téxtil e exploradora do encaixe contemporáneo. O meu camiño teceuse entre fíos, formas e silencios, cunha formación que tivo un dos seus piares no Conservatorio de Artes e Encaixes de Le Puy-en-Velay (Francia), entre outros lugares onde a arte téxtil aínda respira con profundidade.

A miña obra viaxou por espazos nacionais e internacionais, construíndo unha linguaxe propia que nace do fío, do baleiro e da luz. Desde 2006, comparto este universo na EMAO, onde ensino a descubrir as voces ocultas dos fíos a través da técnica do encaixe de palillos.

Un saúdo cheo de tramas e texturas,