ESPECIALIDADE
Cerámica Artística
A especialidade
A especialidade de Cerámica Artística é unha iniciación a esta disciplina, na que facendo exercicios, aprenderanse distintas técnicas, tanto de construción como de decoración, sentando unha base para poder pensar en cerámica.
O obxectivo é dotar aos alumnos da información e experiencia necesarias para que eles poidan escoller de forma axeitada as técnicas e os materiais idóneos para os seus proxectos.
Programa formativo
Nos niveis de Iniciación e Básico séntanse as bases da cerámica.
Coñecemento do material, tratamento da arxila nos seus distintos estados, tipos de pastas e clasificación das mesmas. Por medio de clases teóricas e exercicios prácticos aprenderanse moitas das técnicas de construción da cerámica: Traballo con churros, construción por apretón, montaxe de pranchas curvas e planas, formas básicas do torno, modelaxe e baleirado, neriaxes de pastas, etc.
Iniciación ás técnicas decorativas. Aprendizaxe teórico-práctico para coñecer moitas das técnicas decorativas: Traballo con engobes, cos que se porán en práctica técnicas coma o esgrafiado, o mishima, decoración con reservas, etc… Traballo con óxidos colorantes e con pigmentos, vidrados e fritas como parte da decoración de baixa temperatura.
Tamén faremos un percorrido pola historia da cerámica buscando exemplos que nos axuden a comprender e sirvan de inspiración para pór en práctica o aprendido.
No curso de Superior seguiremos sumando técnicas construtivas e decorativas, faremos un achegamento á cerámica de alta temperatura con diferentes pastas. Coñeceremos distintos métodos de cocción. Iniciarémonos na cerámica de coada construíndo moldes de escaiola.
Os exercicios neste curso terán un carácter máis creativo e artístico.
No caso de Perfeccionamento I e II o programa será o mesmo, aínda que máis alongado no tempo.
Os alumnos que se presenten ao curso de Avanzado terán un ano para levar a cabo o seu proxecto, no que serán eles sós coa dirección da titora os que investigarán, probarán e organizarán o seu método de traballo, e o seu tempo, buscando o seu fin, a materialización do seu proxecto.
Estrutura da formación e formas de acceso
ITINERARIOS
A especialidade de Cerámica Artística pode realizarse seguindo dous itinerarios: en horario de tarde ou en horario de mañá. Nos dous itinerarios a asistencia é obrigatoria, daranse os mesmos contidos e séguese a mesma metodoloxía. A distribución da carga horaria é diferente:
— Horario de tarde (2 cursos, 700 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Básico (1o curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, de 16:00h a 21:00h.
Nivel Superior (2o Curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, de 16:00h a 21:00h.
— Horario de maña (3 cursos, 432 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Iniciación (1o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10:00h a 14:00h)
Nivel Perfeccionamento I (2o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10:00h a 14:00h)
Nivel Perfeccionamento II (3o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10:00h a 14:00h)
Nivel Avanzado: pode optar o alumnado que supere o último curso da especialidade (ou aspirantes con coñecementos homologables). Requírese a presentación e aprobación dun proxecto persoal a realizar durante este nivel, dun curso de duración e cunha carga horaria de 70 horas obrigatorias, que se desenvolven, en réxime de titoría, os venres de 16:00h a 18:00h.
ACCESO do alumnado
En cada Convocatoria Xeral Anual, a EMAO concreta a súa oferta formativa, coas características, prazos e especificacións necesarias para o acceso do alumnado interesado, tendo sempre en conta a preferencia para as persoas empadroadas na cidade de Vigo.
Para a especialidade de Cerámica artística no suposto de que o número de solicitantes nestas especialidades sexa superior ao número de prazas ofertadas, farase unha proba de acceso. A proba de acceso consta dun exercicio práctico e un cuestionario, para a que non se requiren coñecementos previos.
De xeito excepcional, as persoas interesadas (tanto de novo ingreso como xa matriculadas) poderán solicitar o acceso por convalidación dun nivel completo dunha especialidade. Para poder optar a esta posibilidade deberá o interesado presentar unha solicitude motivada na que amose que posúe os coñecementos, aptitude e experiencia abonda para saltar un nivel. Esta posibilidade está condicionada á existencia de vacantes no nivel que se solicite. A solicitude será resolta pola dirección do centro previo informe do mestre da especialidade e da xefatura de estudos. Se é o caso, poderá esixirse unha proba práctica previa.
Información do mestre da especialidade
Esther Quintas Salgado (esther.quintas@vigo.org)
Chámome Esther, e son a mestra do taller de Cerámica Artística da EMAO. Estou moi ilusionada formando parte desta escola de Artes e Oficios e podendo acompañar a persoas interesada na Cerámica e na Arte nesta aprendizaxe.
Dende que cursei Cerámica Artística na EMAO quedei atrapada con esta disciplina, non era a miña idea acabar tendo un taller de cerámica, pero foi inevitable. O meu proxecto de artesanía, que levaba desenvolvendo dende que rematei Belas Artes, transformouse nun obradoiro onde a porcelana era o material principal.
Durante todos estes anos combinei esta actividade con outra que tamén me encanta, a maquillaxe e a caracterización, que me permitiu crear personaxes e vivir experiencias en cine e teatro. Aínda que en principio son disciplinas moi distintas, ás veces conflúen os caminos; unha vez fixen un Isaac Díaz Pardo que levaba pezas de Sargadelos na cabeza.
Agora o meu obxectivo para esta especialidade é que a xente que veña goce e aprenda tanto coma min cando fun estudante neste mesmo espazo.