ESPECIALIDADES

CAIM Zanfona

A especialidade

Vencellada  ao obradoiro de instrumentos musicais populares galegos, a especialidade de Construción artesanal de instrumentos musicais -CAIM- Zanfona nace coa intención de formar artesáns que aposten, conserven e divulguen un dos instrumentos senlleiros da cultura ibérica e galega.

Aínda que hoxe por hoxe son moitos os talleres que producen instrumentos de altísima calidade, cómpre subliñar que a maioría deles constrúen o modelo centroeuropeo, máis próximo á vielle francesa.

Este feito xustifica dalgún xeito a proposta do noso obradoiro, máis achegado á conservación dun modelo de zanfona diferente e singular.

Programa formativo

Os nosos alumnos elaboran o seu instrumento a partir dos modelos históricos presentes no obradoiro ou das moitas zanfonas antigas que se conservan na península, pero sempre respectando o modelo tradicional ibérico.

Preparan planos, patróns e moldes. Escollen e mercan madeiras e materiais (ás veces de xeito compartido) e, seguindo unha orde lóxica de procedementos, inician a construción da que será a súa zanfona ao ritmo que lle permiten as súas capacidades e coñecementos previos.

Estrutura da formación e formas de acceso

ITINERARIOS
A especialidade de CAIM Zanfona pode realizarse seguindo dous itinerarios: en horario de tarde ou en horario de mañá. Nos dous itinerarios a asistencia é obrigatoria, danse os mesmos contidos e séguese unha mesma metodoloxía. A distribución da carga horaria é diferente. Deste xeito:

— Horario de tarde (2 cursos, 700 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Básico (1o curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00h
Nivel Superior (2o Curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00 h

— Horario de maña (3 cursos, 432 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Iniciación (1o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10.00h a 14.00h)
Nivel Perfeccionamento I (2o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10.00h a 14.00h)
Nivel Perfeccionamento II (3o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10.00h a 14.00h)

Nivel Avanzado: pode optar o alumnado que supere o último curso da especialidade (ou aspirantes con coñecementos homologables). Requírese a presentación e aprobación dun proxecto persoal a realizar durante este nivel, dun curso de duración e cunha carga horaria de 70 horas obrigatorias, que se desenvolven, en réxime de titoría, os venres de 16.00h a 18.00h.

ACCESO do alumnado
En cada Convocatoria Xeral Anual, a EMAO concreta a súa oferta formativa, coas características, prazos e especificacións necesarias para o acceso do alumnado interesado, tendo sempre en conta a preferencia para as persoas empadroadas na cidade de Vigo.

Para a especialidade de Construción artesanal de instrumentos musicais -CAIM- Zanfona, no suposto de que o número de solicitantes nestas especialidades sexa superior ao número de prazas ofertadas, farase unha proba de acceso. A proba de acceso consta dun cuestionario básico e unha proba práctica escrita, para a cal non se requiren coñecementos previos.

De xeito excepcional, as persoas interesadas (tanto de novo ingreso como xa matriculadas) poderán solicitar o acceso por Convalidación dun nivel completo dunha especialidade. Para poder optar a esta posibilidade deberá o interesado presentar unha solicitude motivada na que amose que posúe os coñecementos, aptitude e experiencia abonda para saltar un nivel. Esta posibilidade está condicionada á existencia de vacantes no nivel que se solicite. A solicitude será resolta pola dirección do Centro previo informe do mestre da especialidade e da xefatura de estudos. Se é o caso, poderá esixirse unha proba práctica previa. 

Información do mestre da especialidade

Xaime Rivas (jaime.rivas@vigo.org)

Comecei na música de neno, asistindo ás clases de gaita que se impartían no colexio como actividade extraescolar. Anos máis tarde, e con algo máis de seriedade, tomei contacto coa actividade do centro cultural Helios de Bembrive, máis concretamente coa súa sección de baile e música tradicional. Nesa mesma institución fun membro fundador e logo director da Banda de Gaitas Charamuscas. A necesidade de dominar a afinación da gaita espertou en min o interese por coñecer a súa construción, e tróuxome ao obradoiro de construción  da EMAO, onde coñecín a zanfona. Aos poucos, fun facéndome un nome como artesán ata que no ano 2001 fun proposto como mestre no mesmo obradoiro onde aprendín a facelas.