ESPECIALIDADES
CAIM Gaita
A especialidade
Tanto se pretendes facer da artesanía musical o teu oficio, coñecendo técnicas construtivas, os mellores materiais, os problemas que xorden e as súas solucións, como se es afeccionado/a á música tradicional, tocas algún instrumento e queres tocar cunha gaita feita por ti mesmo/a, ou simplemente sentes curiosidade polas interioridades do instrumento, e decídeste a estudar con nós, poderás aprender todo o necesario para a construción de gaitas, pitos e requintas.
Na nosa aula-obradoiro contamos con tódolos recursos necesarios para a realización dos traballos, achegando a maquinaria necesaria, como tornos, trades, esmeril, etc., e por suposto as ferramentas especializadas como escariadores, brocas adaptadas, etc.
Todo isto para conseguir un resultado final que non é tanto a construción do instrumento (que tamén) como a adquisición da competencia necesaria para poder poñer en funcionamento o noso propio obradoiro artesán.
Por parte do alumnado será necesaria a achega de ferramenta de man (coitelas para tornear, trencha, navalla, etc.) que serán de uso exclusivo polo propietario; tamén achegará os materiais necesarios para a elaboración do instrumento (madeiras, cortizas, anelas), e, loxicamente as EPIS individuais necesarias, que serán de uso obrigatorio.
Programa formativo
- Construción de palletas e pallóns de cana
- Diferenciación e elección das mellores madeiras
- Deseño do instrumento
- Cilindrado e calibrado das madeiras
- Preparación e colocación de anelas de madeira, sintéticas ou de metal
- Torneado e lixado
- Colocación e axuste das cortizas (naturais e sintéticas)
- Acabado do instrumento (aceites, ceras e vernices)
- Montaxe do fol
- Empalletado e afinado
- Elaboración do “voicing” do pito pastoril (bisel, labios, canle, bloque)
- Elaboración da cabeza e chaves da requinta
Para isto empregaremos unha metodoloxía baseada maioritariamente na demostración práctica por parte do mestre, previa explicación teórica, e seguimento individual do traballo de cada alumno, xa que as diferentes habilidades de cada quen fai que cada un siga o seu propio ritmo de traballo.
Estrutura da formación e formas de acceso
ITINERARIOS
A especialidade de CAIM Gaita pode realizarse seguindo dous itinerarios: en horario de tarde ou en horario de mañá. Nos dous itinerarios a asistencia é obrigatoria, danse os mesmos contidos e séguese unha mesma metodoloxía. A distribución da carga horaria é diferente. Deste xeito:
— Horario de tarde (2 cursos, 700 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Básico (1o curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00h
Nivel Superior (2o Curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00 h
— Horario de maña (3 cursos, 432 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Iniciación (1o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10.00h a 14.00h)
Nivel Perfeccionamento I (2o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10.00h a 14.00h)
Nivel Perfeccionamento II (3o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10.00h a 14.00h)
Nivel Avanzado: pode optar o alumnado que supere o último curso da especialidade (ou aspirantes con coñecementos homologables). Requírese a presentación e aprobación dun proxecto persoal a realizar durante este nivel, dun curso de duración e cunha carga horaria de 70 horas obrigatorias, que se desenvolven, en réxime de titoría, os venres de 16.00h a 18.00h.
ACCESO do alumnado
En cada Convocatoria Xeral Anual, a EMAO concreta a súa oferta formativa, coas características, prazos e especificacións necesarias para o acceso do alumnado interesado, tendo sempre en conta a preferencia para as persoas empadroadas na cidade de Vigo.
Para a especialidade de Construción artesanal de instrumentos musicais -CAIM- Gaita, no suposto de que o número de solicitantes nestas especialidades sexa superior ao número de prazas ofertadas, farase unha proba de acceso. A proba de acceso consta dun cuestionario básico e unha proba práctica escrita, para a cal non se requiren coñecementos previos.
De xeito excepcional, as persoas interesadas (tanto de novo ingreso como xa matriculadas) poderán solicitar o acceso por convalidación dun nivel completo dunha especialidade. Para poder optar a esta posibilidade deberá o interesado presentar unha solicitude motivada na que amose que posúe os coñecementos, aptitude e experiencia abonda para saltar un nivel. Esta posibilidade está condicionada á existencia de vacantes no nivel que se solicite. A solicitude será resolta pola dirección do centro previo informe do mestre da especialidade e da xefatura de estudos. Se é o caso, poderá esixirse unha proba práctica previa.
Información do mestre da especialidade
Carlos Corral (carlos.corral@vigo.org)
Ola! O meu nome é Carlos Corral. Dende moi neno comecei a tocar a gaita e posteriormente dediquei a miña vida á investigación e docencia no mundo da construción de instrumentos tradicionais.
Con 14 anos de idade iniciei a miña aprendizaxe na construción de instrumentos musicais da man de Antón Corral, para comezar o que sería toda a miña vida profesional, compaxinada con outras actividades, sempre relacionadas coa música tradicional. Fun membro fundador de grupos como Trisquel, Grupo didáctico musical do Obradoiro de Instrumentos Musicais Populares da Univarsidade Popular de Vigo, Valigai ou a Banda de Gaitas Xarabal; tamén explorei o mundo da edición creando a revista de música folk e tradicional Na Gaíts.
Dende o ano 1983 tento impartir a miña formación nesta escola con todas aquelas persoas que se interesan por coñecer os fundamentos da construción dos nosos instrumentos, tanto aquelas que pretenden profesionalizarse como as que sinxelamente queren adquirir os coñecementos por interese ou amor ó instrumento.
Durante todos estes anos ademais de á docencia, tamén me dediquei á investigación e mellora dos instrumentos, tanto na gaita como nas frautas, conseguindo desenvolver unha requinta convertible de SOL a FA e viceversa, ou ampliando a gama de tonalidades do pito pastoril en 3 tonalidades (DO, Sib e SOL).
Na actualidade deixo a música activa para dedicarme de cheo á docencia e á construción profesional de instrumentos.