ESPECIALIDADE

Artesanía en Coiro

A especialidade

O traballo do Coiro na EMAO segue unha tradición que comeza a finais dos anos corenta do século XX, coa especialidade entón denominada “Repujado en Cuero”, que estaba incluída no bloque das “Enseñanzas para la Mujer”. Dende entón a Escola foi un referente nesta técnica, e as súas mestras Andrea Castro, Mercedes Pérez Trigo e Virginia González teñen a consideración de Mestras Artesás no Oficio.

En maio de 2010, a Xunta Rectora do Organismo Autónomo aprobou a modificación do nome da Especialidade e os seus contidos, pasando a chamarse “Artesanía do Coiro”. Dende entón ampliamos o abano de técnicas e materiais cos que traballar sen perder de vista o referente histórico que herdamos.

Dende o ano 2013, ademais, na Escola realizamos actividades coma exposicións, conferencias, clases maxistrais, visitas culturais… e tamén estamos presentes en redes sociais coma Facebook (O Coiro da Emao) ou Instagram (coiro_emao), amosando o que estamos a facer cada día na aula.

– Coñecer o Coiro, saber diferenciar entre os tipos de curtido e saber escoller o máis adecuado para as necesidades da peza.
– Coñecer e diferenciar os oficios vinculados ao traballo do Coiro.
– Coñecer os diferentes tipos de ferramentas, e mesmo fabricar algunha.
– Coñecer e aplicar técnicas decorativas (Repuxado, Labrado, Tallado, Gravado, Incisado, Mateado, Costuras decorativas, Tinguido ou Policromado).
– Coñecer e aplicar técnicas construtivas (Costura, Modelado, Moldeado, Tallado, Trenzado…).
– Coñecer o traballo de grandes Mestres Artesáns actuais e históricos.

Todo isto aderezado cunha dose moi grande de bo humor e paixón polo Coiro.

Programa formativo

A especialidade de Artesanía en Coiro ten tres obxectivos: coñecer a tradición, desenvolver a innovación e que creza a imaxinación. A nosa idea é que o alumno que remata a nosa especialidade sexa quen de desenvolver pezas de coiro dende o seu deseño ata o seu acabado, e para iso os contidos que impartimos son os seguintes:

– Coñecer o Coiro, saber diferenciar entre os tipos de curtido e saber escoller o máis adecuado para as necesidades da peza.
– Coñecer e diferenciar os oficios vinculados ao traballo do Coiro.
– Coñecer os diferentes tipos de ferramentas, e mesmo fabricar algunha.
– Coñecer e aplicar técnicas decorativas (Repuxado, Labrado, Tallado, Gravado, Incisado, Mateado, Costuras decorativas, Tinguido ou Policromado).
– Coñecer e aplicar técnicas construtivas (Costura, Modelado, Moldeado, Tallado, Trenzado…).
– Coñecer o traballo de grandes Mestres Artesáns actuais e históricos.

Todo isto aderezado cunha dose moi grande de bo humor e paixón polo Coiro.

Estrutura da formación e formas de acceso

ITINERARIOS
A especialidade de Artesanía en coiro pode realizarse seguindo dous itinerarios: en horario de tarde ou en horario de mañá. Nos dous itinerarios a asistencia é obrigatoria, danse os mesmos contidos e séguese unha mesma metodoloxía. A distribución da carga horaria é diferente. Deste xeito:

— Horario de tarde (2 cursos, 700 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Básico (1o curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00h
Nivel Superior (2o Curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00h

— Horario de maña (3 cursos, 432 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Iniciación (1o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10.00h a 14.00h)
Nivel Perfeccionamento I (2o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10.00h a 14.00h)
Nivel Perfeccionamento II (3o curso): 144 horas distribuídas nun día á semana (de 10.00h a 14.00h)

Nivel Avanzado: pode optar o alumnado que supere o último curso da especialidade (ou aspirantes con coñecementos homologables). Requírese a presentación e aprobación dun proxecto persoal a realizar durante este nivel, dun curso de duración e cunha carga horaria de 70 horas obrigatorias, que se desenvolven, en réxime de titoría, os venres de 16.00h a 18.00h.

ACCESO do alumnado
En cada Convocatoria Xeral Anual, a EMAO concreta a súa oferta formativa, coas características, prazos e especificacións necesarias para o acceso do alumnado interesado, tendo sempre en conta a preferencia para as persoas empadroadas na cidade de Vigo.

Para a especialidade de Artesanía en coiro, no suposto de que o número de solicitantes nestas especialidades sexa superior ao número de prazas ofertadas, farase unha proba de acceso. A proba de acceso consta dun cuestionario básico e unha proba práctica escrita, para a cal non se requiren coñecementos previos.

De xeito excepcional, as persoas interesadas (tanto de novo ingreso como xa matriculadas) poderán solicitar o acceso por Convalidación dun nivel completo dunha especialidade. Para poder optar a esta posibilidade deberá o interesado presentar unha solicitude motivada na que amose que posúe os coñecementos, aptitude e experiencia abonda para saltar un nivel. Esta posibilidade está condicionada á existencia de vacantes no nivel que se solicite. A solicitude será resolta pola dirección do Centro previo informe do mestre da especialidade e da xefatura de estudos. Se é o caso, poderá esixirse unha proba práctica previa.

Información do mestre da especialidade

Pepe Pereira (jose.pereira@vigo.org)

Son Pepe Pereira. Levo 25 anos traballando o Coiro, primeiro como unha afección e desde o ano 2009 ata hoxe como “Mestre de Formación de Artesanía en Coiro” na EMAO. Durante estes anos o meu traballo foi formar aos nosos alumnos no oficio do Coiro, ensinando técnicas decorativas (o labrado, repuxado, tinguido, policromado….) e técnicas construtivas (costuras, trenzado, volumetría, puído por capas… ); en resumo, transmitirlles o “interese” e a paixón por este material. Estes anos na Escola servíronme tamén para profundar e desenvolver novas técnicas como variantes do moldeado, texturas caseiras en coiro ou a construción con po de coiro.

Puiden formarme de maneira formal con diferentes artesáns como: Michael Nadeau, Chan Geer (USA), Jim Linnell e Robert Beard (USA), Peter Main (AUS), así como asistencia a encontros de artesáns do Coiro en España, Francia e Holanda. De manera informal puiden aprender moitísimo con moitos máis artesáns que ademais nos visitaron na Escola.

Teño Carta de Artesán vixente Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia nas especialidades de “Repuxado e decoración de Coiro” e “Marroquinería”. En 2024 resultei gañador do XXVI Premio Fundación Unicaja de Artesanía na categoría Coiro.

Durante estes anos na EMAO comisariei as exposicións que se converteron na “Bienal de Coiro”: “100X100 Coiro” (2013), “Coiro… aínda que non o pareza”(2015), “#handmadenothomemade Coiro: cor e volume” (2017), “Curtidas”(2019), “Setembro… descubrindo ou Coiro” (2022) e “O Mapa” (2022) para achegar aos nosos alumnos e ao público de Vigo as posibilidades artísticas e técnicas do Coiro.