“Proxectos 2024”, representa unha mostra da culminación do proceso formativo do alumnado de distintas especialidades da EMAO, que exhibirá o seu resultado entre os días 29 de novembro de 2024 e 21 de febreiro de 2025 na sala de exposicións da escola, o “Espazo EMAO“.
En canto á orixe dos proxectos, no Plan de Estudos da EMAO, aprobado polo Concello de Vigo no ano 2015, implantouse o nivel educativo Avanzado, co que se rematan os estudos de cada especialidade. Ese nivel que pecha o currículum académico das persoas matriculadas, está destinado a completar a formación técnica e artística do alumnado coa redacción, selección e posterior desenvolvemento dun proxecto titorizado polo/a mestre/a da especialidade. Este proxecto pode orientarse cara á investigación, á produción, á creación ou á ampliación de coñecementos.
A exposición que se presenta agora recolle o produto final dos proxectos individuais do alumnado deste nivel seleccionados no curso 2023-24; en concreto, das especialidades de Pintura, Talla e escultura en madeira, Debuxo artístico, Serigrafía artística, Deseño e encaixe de palillos, Artesanía en coiro, Moda e confección, Ourivaría, CAIM Zanfona e CAIM Gaita. Nesta edición confírmase a tendencia á alza na cantidade e calidade dos proxectos realizados.
As obras que se exhiben son a plasmación material dun ano de actividade de investigación, formación, conceptualización e fabricación, baixo as premisas derivadas dos eixos principais sobre os que pivota a actividade educativa e cultural da EMAO: a excelencia técnica, a creatividade e a interdisciplinariedade.
FICHA DA EXPOSICIÓN