ESPECIALIDADES
Debuxo
A especialidade
O Debuxo é unha actividade primaria, esencial, xa que só necesitamos un útil e un soporte. Calquera utensilio en acción que deixe marca sobre unha superficie considérase debuxo. Se nos remitimos a elementos próximos para executar unha actividade tan básica, podemos pensar no soporte area, terra e no útil man ou pau. Posiblemente o Debuxo comezou así… Alguén trazou unha liña sobre a area que foi efémera, do mesmo xeito que se debuxou, o mar levou esa liña cando chegou a onda. Como unha canción de berce, un son que se escoita e marcha… pero que queda na memoria.
A historia da arte comeza aquí, no debuxo na area, na terra, na relación do home cos elementos da natureza sinxelos e próximos e a súa manipulación, para rematar no século XX co Land Art. Segundo Fernando Castro Flórez, “o Land Art é a última tentativa da arte antes da desubicación da arte no virtual“.
O debuxo é a primixénea forma artística coa que o home se expresa graficamente. No debuxo atópase o inicio. Todo este percorrido de séculos para chegar á mesma conclusión de que a arte, como a vida, é efémera.
Programa formativo
- AS POSIBILIDADES PLÁSTICAS DO ÚTIL E O SOPORTE, en tódalas técnicas do debuxo que podemos denominar clásico. Lapis, carbón e tintas, con tódalas variantes posibles que hoxe o mercado nos ofrece, materiais e soportes adaptados para cada un deles.
- OBSERVAR O MUNDO E RECREALO utilizando método, de xeito que iniciemos esa recreación do que vemos, guiados, analizando e entendendo a forma dos obxectos e o espazo que os rodea.
Entender a través da observación o mundo, a forma das cousas que nos rodean. Ser quen de desenmarañar toda a información do mundo para traducila ao soporte, de interpretala coa liña e coa mancha.
Estrutura da formación e formas de acceso
ITINERARIOS
A especialidade de Debuxo artístico pode realizarse seguindo dous itinerarios: en horario de tarde ou en horario de mañá. Nos dous itinerarios a asistencia é obrigatoria, danse os mesmos contidos e séguese unha mesma metodoloxía. A distribución da carga horaria é diferente. Deste xeito:
— Horario de tarde (3 cursos, 525 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Básico (1o curso): 175 horas distribuídas nun día á semana, en horario de 16.00h a 21.00h
Nivel Superior (2o Curso): 175 horas distribuídas nun día á semana, en horario de 16.00h a 21.00h
Nivel Superior (3º Curso): 175 horas distribuídas nun día á semana, en horario de 16.00h a 21.00h
— Horario de maña (3 cursos, 432 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Iniciación (1o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)
Nivel Perfeccionamento I (2o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)
Nivel Perfeccionamento II (3o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)
Nivel Avanzado: pode optar o alumnado que supere o último curso da especialidade (ou aspirantes con coñecementos homologables). Requírese a presentación e aprobación dun proxecto persoal a realizar durante este nivel, dun curso de duración e cunha carga horaria de 70 horas obrigatorias, que se desenvolven, en réxime de titoría, os venres de 16.00h a 18.00h.
ACCESO do alumnado
En cada Convocatoria Xeral Anual, a EMAO concreta a súa oferta formativa, coas características, prazos e especificacións necesarias para o acceso do alumnado interesado, tendo sempre en conta a preferencia para as persoas empadroadas na cidade de Vigo.
Para a especialidade de Debuxo artístico, no suposto de que o número de solicitantes nestas especialidades sexa superior ao número de prazas ofertadas, farase un sorteo público.
De xeito excepcional, as persoas interesadas (tanto de novo ingreso como xa matriculadas) poderán solicitar o acceso por convalidación dun nivel completo dunha especialidade. Para poder optar a esta posibilidade deberá o interesado presentar unha solicitude motivada na que amose que posúe os coñecementos, aptitude e experiencia abonda para saltar un nivel. Esta posibilidade está condicionada á existencia de vacantes no nivel que se solicite. A solicitude será resolta pola dirección do Centro previo informe do mestre da especialidade e da xefatura de estudos. Se é o caso, poderá esixirse unha proba práctica previa.
Información do mestre da especialidade
Federico Fernández (federico.fernandez@vigo.org)
Son Federico Fernández e dedícome profesionalmente a dúas actividades que me apaixonan: A docencia en Debuxo e a Ilustración de libros infantís. Rematei a carreira na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, no ano 1997. Todo o conxunto de vivencias de estudo e esforzo no meu paso pola Universidade contribuiu a que me quixese dedicar á Ilustración infantil. Puiden editar e conseguir un primeiro e gran recoñecemento no ano 2002, cando o Ministerio de Cultura me outorgou o Premio Nacional de Ilustración na categoría Infantil e Xuvenil polo libro ¿Onde perdeu Lúa a risa?, coa Editorial Kalandraka.
No ano 2015, co libro BALEA, conseguín xunto con Germán Pintos, quedar finalista no Premio Internacional de Compostela, sendo ese mismo libro o que concorreu ao premio Follas Novas ás mellores ilustracións de libro galego dese ano, recoñecemento que conseguimos con VERME no ano 2023.
Grazas a estes recoñecementos as miñas ilustracións tiveron acollida en feiras do libro como Bolognia, Frankfurt, Bratislava ou Guadalajara en México, feira na que estiven invitado no ano 2017 como embaixador da ilustación galega.
Pero vivir unicamente da ilustración foi moi difícil para min, polo que compaxinei esa actividade profesional coa docencia. Desde 2002 ata 2008 impartín clases na ESO e Bacharelato como mestre de Debuxo en moitos centros da xeografía galega, realizando paralelamente obradoiros infantís.
Comecei na EMAO no curso 2008-2009 e actualmente son mestre titular da especialidadade, ademais de comisariar exposicións e colaborar co calendario cultural da Escola.
No eido da cultura fun dinamizador do desaparecido espazo cultural “El Halcón Milenario”, desde o ano 2011 ata o 2019, recoñecido pola Deputación de Pontevedra como a proposta cultural máis innovadora no ano 2015.