ESPECIALIDADES

Moda e Confección

A especialidade

Coser, durante moitos séculos, foi unha tarefa máis das que o home (mellor dito, as mulleres) tiña que realizar pola súa propia supervivencia e a da súa familia.

O oficio de xastre tomou especial importancia na Idade Media, coa organización dos oficios en gremios. O labor de facer pezas de vestir era tan complexo que os padróns e as ferramentas quedaban como a máis valiosa herdanza que un fillo podía recibir de seu pai. Este feito dános unha idea da importancia que ten saber cortar e coser pezas de roupa.

Coa chegada de publicacións de moda a mediados do século XIX, a ensinanza do corte e confección puido chegar a máis fogares, animado tamén pola chegada da máquina de coser, sendo estes feitos o principio da democratización da moda.

Mentres todo isto acontecía, a Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo incorporou á sección da Muller, a especialidade de “Corte e Confección de vestidos e manexo da Máquina de coser”.

Nestas clases as alumnas aprendían a coser á man, a cortar e a manexar a máquina de coser, que a principios de século empezaba a ser unha ferramenta indispensable nos fogares. Aquí formábanse costureiras e modistas profesionais co aliciente de proporcionar a tantas mulleres un oficio.

A especialidade, hoxe en día, denomínase Moda e Confección, pero a esencia segue sendo a de formar homes e mulleres na arte da costura. 

Programa formativo

Partimos da premisa de que o alumno non sabe nada, polo que os primeiros días os dedicamos a coser á man, coñecer e manexar a máquina de coser, as ferramentas que se necesitan, e as caracteristicas básicas do noso material, a tea… e unha vez dominada esa parte comezamos coa patronaxe, e a confección de prendas sinxelas.

Bloque principal. A este bloque dedicámoslle o 70% do total de curso entre clases teóricas e prácticas. Subdividímolo en tres partes.

– Deseño: Os alumnos aprenden a expresar as súas ideas mediante a linguaxe universal do debuxo, non fai falta saber debuxar, utilizamos ferramentas básica e algún “truquiño” para que os deseños que temos na cabeza luzan como os feitos por un deseñador.

– Patronaxe: O gran piar sobre o que se sustenta a moda. Xa o dicía Cristóbal Balenciaga: “Un bo couturier debe ser arquitecto da forma, pintor para a cor, músico para a harmonía e filósofo para a medida“. Cunha metodoloxía sinxela aprendemos a facer os grandes bloques do patronaxe para ir aos poucos incorporando outros máis complexos e así mesturalos para que, como se de ingredientes de tratase, facer realidade os deseños que tiñamos sobre o papel. Maioritariamente realizamos patronaxe de muller, pero aos poucos e grazas á presenza, cada vez maior, de homes na especialidade, estamos a incorporar patronaxe masculino. Somos unha especialidade viva que se adapta, como a moda, ás necesidades do momento.

– Confección: A confección apréndese cosendo polo que dedicamos gran parte das nosas clases a iso. Para isto realizamos exercicios de montaxe de partes específicas das pezas, para probar, equivocarnos e aprender; así cando teñamos que facer a peza non nos atopemos con sorpresas desagradables. Todos os trimestres traballamos ao redor dun tipo de peza: saias, camisas, vestidos, pantalóns, abrigos…

Bloque complementario. O mundo da moda é moi extenso e na especialidade non queremos deixar pasar por alto certos temas que nos axudan a formar unha visión mais completa da moda. Para iso dedicamos o 30% da especialidade a outros temas, como a tipoloxía do corpo humano, as materias téxtiles e a historia da Moda.

A tipoloxía do corpo humano é un tema clave para lograr pezas que se axusten correctamente a diferentes siluetas. Os alumnos aprenden a recoñecer as particularidades de cada tipo de corpo e como adaptar as súas creacións para resaltar as virtudes e disimular as posibles imperfeccións. Este coñecemento é crucial para traballar no deseño personalizado e na produción de pezas que non só sexan esteticamente atractivas, senón tamén cómodas e funcionais.

– Materias téxtiles: O recoñecemento das teas é un tema imprescindible dentro da moda e desta especialidade. Coñecer as fibras téxtiles, a súa orixe, as características, as propiedades e como están feitos os de diferentes tecidos danlle ao alumnado unha bagaxe imprescindible á hora de escoller tecidos para os seus proxectos.

– Historia da moda: é outro tema esencial que forma parte do programa. O alumnado aprende sobre as principais correntes e movementos da moda ao longo dos séculos, desde as súas orixes ata as tendencias actuais. Este coñecemento permítelles contextualizar a moda dentro dun marco histórico e cultural, ademais de ofrecerlles inspiración para as súas propias creacións. A historia da moda tamén lles ensina a recoñecer os cambios nos gustos, as influencias sociais e as revolucións estilísticas que marcaron as transformacións da industria téxtil ao longo do tempo.

Estrutura da formación e formas de acceso

ITINERARIOS
A especialidade de Moda e confección pode realizarse seguindo dous itinerarios: en horario de tarde ou en horario de mañá. Nos dous itinerarios a asistencia é obrigatoria, danse os mesmos contidos e séguese unha mesma metodoloxía. A distribución da carga horaria é diferente. Deste xeito:

— Horario de tarde (2 cursos, 700 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Básico (1o curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00h
Nivel Superior (2o Curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00h

— Horario de maña (3 cursos, 432 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Iniciación (1o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)
Nivel Perfeccionamento I (2o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)
Nivel Perfeccionamento II (3o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)

Nivel Avanzado: pode optar o alumnado que supere o último curso da especialidade (ou aspirantes con coñecementos homologables). Requírese a presentación e aprobación dun proxecto persoal a realizar durante este nivel, dun curso de duración e cunha carga horaria de 70 horas obrigatorias, que se desenvolven, en réxime de titoría, os venres de 16.00h a 18.00h.

ACCESO do alumnado
En cada Convocatoria Xeral Anual, a EMAO concreta a súa oferta formativa, coas características, prazos e especificacións necesarias para o acceso do alumnado interesado, tendo sempre en conta a preferencia para as persoas empadroadas na cidade de Vigo.

Para a especialidade de Moda e confección, no suposto de que o número de solicitantes nestes niveis sexa superior ao número de prazas ofertadas, farase unha proba de acceso. A proba de acceso consta dun cuestionario básico e unha proba práctica escrita, para a cal non se requiren coñecementos previos.

De xeito excepcional, as persoas interesadas (tanto de novo ingreso como xa matriculadas) poderán solicitar o acceso por Convalidación dun nivel completo dunha especialidade. Para poder optar a esta posibilidade deberá o interesado presentar unha solicitude motivada na que amose que posúe os coñecementos, aptitude e experiencia abonda para saltar un nivel. Esta posibilidade está condicionada á existencia de vacantes no nivel que se solicite. A solicitude será resolta pola dirección do Centro previo informe do mestre da especialidade e da xefatura de estudos. Se é o caso, poderá esixirse unha proba práctica previa.

Información do mestre da especialidade

Emma G. Pintos (emma.gonzalez@vigo.org)

Ola, son Emma Gonzalez Pintos, unha apaixonada da moda e das pezas ben feitas. Estudei deseño de Moda e Patronaxe industrial na escola de deseño Goymar. Nada máis terminar os meus estudos incorporeime á empresa familiar de deseño e confección de roupa infantil na que exercín de deseñadora, patronista e xestionando diversas áreas da produción. Hai 12 anos, comecei a impartir clases na EMAO, onde descubrín a miña verdadeira paixón pola docencia. Gústame moito transmitir o valor de facer as cousas ben feitas e potenciar a creatividade dos meus alumnos, axudándoos a desenvolver as súas ideas e a perfeccionar o seu traballo.