ESPECIALIDADES
Talla e Escultura en Madeira
A especialidade
Dende principios do s. XX ata hoxe, a escultura, como disciplina artística, deixou atrás o seu carácter clásico en referencia á estatua ou ao monumento, para adoitar unha actitude de liberdade na forma tridimensional e no uso e elección dos materiais, abríndose a novas linguaxes coas que expresarse e construír un discurso artístico que conecte e comunique no contexto actual.
Dende que Marcel Duchamp, en 1913, decidiu que unha roda de bicicleta podía ser un obxecto artístico, toda unha revolución transformou a linguaxe escultórica. A partir dese momento a idea como concepto creativo transcende á forma, liberando á escultura do canon. Comézanse a xerar sinerxias novas entre disciplinas artísticas, a través das cales o volume e a ocupación do espazo baleiro trabállanse dende unha perspectiva global e libre dentro dunha linguaxe híbrida. É por iso que podemos dicir que a escultura é a disciplina artística que evolucionou dun xeito máis notable nas últimas décadas.
Dende a aula de escultura e talla pretendemos que o alumnado adquira as competencias necesarias en canto ao coñecemento da técnica, as ferramentas a utilizar e a elección dos materiais, para garantir a capacidade de concibir e producir cada proposta expresiva a partir do desenvolvemento persoal e do proceso creativo, a través da aprendizaxe dos diferentes procesos escultóricos; para o que trataremos de desenvolver actitudes que enriquezan a súa percepción da forma tridimensional así como aquelas habilidades e recursos técnicos que conduzan a resultados adecuados, tendo en conta o contexto educativo e as características do alumnado.
Para que todos estes recursos sexan posibles centramos a nosa área de traballo na procura do equilibrio entre os contidos teóricos e os prácticos; o alumnado debe coñecer o manexo das ferramentas e o proceso do traballo na madeira, a talla, como parte esencial na estrutura metodolóxica da aula, pero tamén os procedementos escultóricos básicos utilizados na escultura contemporánea, os materiais e as súas calidades expresivas, que permitan o diálogo entre distintas técnicas de xeito transversal, para que adquiran ferramentas que faciliten o desenvolvemento do proceso creativo que lle axudarán a ir conformando o seu propio estilo. Este proceso creativo debe ser desenvolto en proxectos persoais ou en grupo, realistas coas posibilidades de execución dende unha posición crítica co noso traballo, e debe contemplar un percorrido que nos leva dende a xénese ata a materialización da idea, na concreción da aprendizaxe do proceso escultórico, desenvolvendo as diferentes técnicas (escultura aditiva, subtractiva…) e traballando sempre dende o fomento da nosa capacidade creativa.
Programa formativo
O curso ten un perfil teórico-práctico xa que propón un método de traballo tanto conceptual como experimental. Esta relación é moi estreita; a cada tema corresponden unha serie de propostas prácticas. Apoiarase a parte teórica con recursos webs, visitas a exposicións ou talleres de artistas. As prácticas na aula-taller posibilitan o coñecemento de materiais, procedementos e técnicas, como aplicación aos recursos e intereses específicos do traballo do alumnado.
O sistema de avaliación será continuo ou valoración progresiva do traballo realizado polo alumnado, así a asistencia á aula será fundamental, a participación nas postas en común, a actitude participativa e construtiva, o interese, o compromiso, e o nivel de autocrítica con propostas propias.
Para que todo isto quede reflectido o alumno deberá elaborar un portafolio ou caderno de artista no que recoller todo o seu traballo: ideas, bosquexos, reflexións, contidos sobre os temas traballados no curso e conclusións. A través desta ferramenta valoraranse os obxectivos conseguidos e a capacidade de construír narracións, nas que se desenvolvan os temas a investigar e a capacidade de traballo en e para o grupo nas construcións de coñecemento.
Estrutura da formación e formas de acceso
ITINERARIOS
A especialidade de Talla e escultura en madeira pode realizarse seguindo dous itinerarios: en horario de tarde ou en horario de mañá. Nos dous itinerarios a asistencia é obrigatoria, danse os mesmos contidos e séguese unha mesma metodoloxía. A distribución da carga horaria é diferente. Deste xeito:
— Horario de tarde (2 cursos, 700 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Básico (1o curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00h
Nivel Superior (2o Curso): 350 horas distribuídas en dous días á semana, en horario de 16.00h a 21.00
— Horario de maña (3 cursos, 432 horas). Confórmase cos seguintes niveis:
Nivel Iniciación (1o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)
Nivel Perfeccionamento I (2o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)
Nivel Perfeccionamento II (3o curso): 144 horas distribuídas en dous días á semana (de 10.00h a 12.00h)
Nivel Avanzado: pode optar o alumnado que supere o último curso da especialidade (ou aspirantes con coñecementos homologables). Requírese a presentación e aprobación dun proxecto persoal a realizar durante este nivel, dun curso de duración e cunha carga horaria de 70 horas obrigatorias, que se desenvolven, en réxime de titoría, os venres de 16.00h a 18.00h.
ACCESO do alumnado
En cada Convocatoria Xeral Anual, a EMAO concreta a súa oferta formativa, coas características, prazos e especificacións necesarias para o acceso do alumnado interesado, tendo sempre en conta a preferencia para as persoas empadroadas na cidade de Vigo.
Para a especialidade de Talla e escultura en madeira, no suposto de que o número de solicitantes nestas especialidades sexa superior ao número de prazas ofertadas, farase unha proba de acceso. A proba de acceso consta dun cuestionario básico e unha proba práctica escrita, para a cal non se requiren coñecementos previos.
De xeito excepcional, as persoas interesadas (tanto de novo ingreso como xa matriculadas) poderán solicitar o acceso por convalidación dun nivel completo dunha especialidade. Para poder optar a esta posibilidade deberá o interesado presentar unha solicitude motivada na que amose que posúe os coñecementos, aptitude e experiencia abonda para saltar un nivel. Esta posibilidade está condicionada á existencia de vacantes no nivel que se solicite. A solicitude será resolta pola dirección do Centro previo informe do mestre da especialidade e da xefatura de estudos. Se é o caso, poderá esixirse unha proba práctica previa.
Información do mestre da especialidade
Rosa García (rosa.garcia@vigo.org)
Son Rosa García, profesora de escultura e talla na EMAO, e vouvos contar un pouco o que fago. Considérome unha persoa curiosa e creativa; estudei Belas Artes na Facultade de San Jordi na Universidade de Barcelona, ampliei a miña formación cun #Máster en creatividade na Universidade de Santiago de Compostela e un #Máster en Educación artística na Universidade de Barcelona, ademais de estudos de Doutorado en Educación artística na Universidade de Granada. Esta formación artística “itinerante” permitiu formarme en métodos de aprendizaxe desde distintas perspectivas que me achegaron recursos, permitíronme investigar e buscar metodoloxías de traballo que podo experimentar e poñer en práctica nas miñas clases, buscando sempre como optimizar a aprendizaxe e conseguir no alumnado un maior desenvolvemento na súa capacidade creativa.
Ademais do meu traballo como docente teño unha produción artística na que me expreso a través da escultura e o gravado, o que fai que a miña obra se mostre en exposicións, feiras e certames nas que foi seleccionada e premiada en varias ocasións. Isto permíteme ter unha visión contemporánea da expresión artística, que xunto á miña experiencia de moitos anos como docente, non só na escola. Tamén impartín talleres de escultura no Museo Nacional Thyssen en Madrid e noutras institucións, que me achegaron recursos para traballar na aula estimulando ao alumnado na curiosidade, nas posibilidades que esta linguaxe nos ofrece e en coñecer o que se está facendo na actualidade.
Creo que é esencial no ensino artístico combinar dous obxectivos que deben ir unidos, o desenvolvemento creativo e a técnica, aprender a pensar, reflexionar e a mirar, facer os cuestionamentos, ter unha actitude curiosa e aberta que nos permita ver cousas que a outros se lles escapan, para así entender a arte contemporánea, por iso na aula traballamos a linguaxe visual xunto á escultura non só subtractiva, a talla, senón tamén aditiva e construtiva e buscamos sinerxias con outras especialidades que sumen e nos acheguen recursos á nosa capacidade e posibiliten o desenvolvemento creativo e nos empoderen na linguaxe artística.
Podedes atopar máis sobre o meu en: Web: www.rosavisual.com
Instagram: @rosgarciam; @esculturaetallaemao